viernes, 28 de enero de 2011
domingo, 16 de enero de 2011
O PP denuncia que Melide perdeu o obradoiro de emprego porque o goberno local non enviou a documentación requirida pola Xunta de Galicia
- Vázquez informa de que deste xeito perderase a oportunidade de darlle emprego a 30 persoas durante 12 meses
- Durante o mandato municipal da actual rexedora, o municipio incrementou a súa taxa de paro un 40%
A voceira do Partido Popular de Melide, Ánxeles Vázquez, acompañada pola deputada autonómica, Paula Prado, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para denuncia-la perda do obradoiro de emprego ‘Repoboación forestal e tratamentos selvícolas na Serra do Bocelo’, debido a “nefasta xestión de Socorro Cea á hora de tramita-la concesión”. Neste senso, Vázquez informou de que o concello “se esqueceu de enviar documentación tan importante e “obvia” coma a memoria descritiva ou a aprobación da xunta de goberno local, polo que Melide non contará con obradoiro de emprego este ano. Tal e como destacou Vázquez, deste xeito o municipio perde a oportunidade de darlle emprego a 30 persoas, as cales recibirían máis de 1.000 euros, durante 12 meses.
“É inadmisible que a actual alcaldesa, durante o seu mandato municipal, non lograse nin un só taller de emprego para Melide. Esta é a gota que desborda o vaso da ineficacia de Cea”, subliñou a voceira popular. Para Vázquez, a negativa da rexedora a envia-la documentación solicitada pola Xunta de Galicia o 22 de xullo do pasado pon de manifesto a “súa falta de interese” por incentivar e adoptar medidas que fomenten o emprego en Melide. Vázquez puxo especial énfase en que nos últimos tres anos o paro incrementouse no municipio un 40% e lamentou que Cea non soubese aproveita-la oportunidade que lle brindaba a Xunta de Galicia en materia de emprego.
Do mesmo xeito, salientou que concellos como Toques, O Pino ou Curtis conten con talleres de emprego e Melide, non. “Esta é a diferencia entre os gobernos do Partido Popular que fomentan e potencian a creación de emprego nos seus municipios e os gobernos bipartito, esgotados e sen ideas que tan só pensan no seu benestar”, criticou Vázquez. Para Vázquez, Socorro Cea será recordada “coma a rexedora que se dedicou a facer beirarrúas con préstamos a longo prazo, polas que cada día transcorren máis parados”, sentenciou.
Pola súa banda, a deputada autonómica, en relación ás preguntas formuladas polo grupo parlamentario socialista á conselleira de Traballo e Benestar en relación á denegación de obradoiros de emprego, instou ó PSdeG melidense a que lle explique “aos seus propios compañeiros de partido” porque Melide non contará este ano cun taller de emprego.
martes, 11 de enero de 2011
Xuventude oferta á mocidade galega preto de 500 prazas para ir a esquiar a Andorra, León e Candanchú no primeiro trimestre de 2011
Por primeira vez este inverno porase en marcha ‘Xuventur Neve’, a través do que se ofertarán preto de 500 prazas subvencionadas para que os mozos e mozas podan ir a esquiar a León, Andorra ou Candanchú (Huesca).‘Xuventur Neve’, dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, inclúe tres programas diferentes. O primeiro de eles desenvolverase en Leitariegos (León) ao longo de 9 fins de semana entre os meses de xaneiro e marzo. A estadía será de tres xornadas, nas que os participantes poderán practicar esquí e raquetas. O departamento autonómico ofertará nesta modalidade un total de 270 prazas.
O prezo por persoa será de 120 € para os posuidores do carné xove e de 160 € para o resto. A contía inclúe o transporte en autobús, aloxamento nun albergue en pensión completa, así como o material necesario para practicar os deportes. Os mozos e mozas terán dereito a un día de forfait e a un día de alugamento das raquetas ou do equipo completo, xa sexa para esquí carving ou para snowboard. Así mesmo, terán dereito a tres horas de clases de grupo, unha ruta guiada e unha visita de interese.
O segundo programa, no que se ofertarán 162 prazas, terá lugar en Vallnord (Andorra). Organizaranse tres quendas, dunha duración de cinco días cada unha delas, entre o 22 de xaneiro e o 12 de febreiro. Esta iniciativa terá un custe de 296 para os que dispoñan do carne xove e de 395 euros para o resto. Os servizos incluídos neste modalidade serán o transporte en autobús, o aloxamento nun hotel de tres estrelas en réxime de media pensión, así como o material necesario para esquiar e cinco días de clases e de forfait. Tamén se inclúe a comida en pista. Ademais, ofertaranse visitas opcionais a Caldea e ao Palacio de Xeo de Canillo.
O terceiro dos programas de ‘Xuventur Neve’ desenvolverase en Candanchú (Huesca) ao longo de cinco días. A Dirección Xeral de Xuventude ofertará 60 prazas, divididas en dúas quendas: a primeira será do 20 ao 25 de febreiro e a segunda do 27 de febreiro ao 3 de marzo.
O prezo para esta iniciativa será de 352 euros para os posuidores do carné xove e de 470 euros para os que non teñan este documento. Neste caso, o prezo inclúe o desprazamento en avión desde A Coruña e o aloxamento nun hotel de dúas estrelas en réxime de media pensión. Tamén está contemplado o aluguer do equipamento, así como 5 días de forfait e dúas horas de clase diarias.
O prazo para anotarse a esta iniciativa abrirase o próximo 7 de xaneiro ás nove da mañá. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de chegada das solicitudes e asignaranse ata esgotar todas as prazas dispoñibles por programa.
Para mais información: XUVENTUR NEVE
A segunda convocatoria para participar nas becas Leonardo do programa MoGal está aberta ata o 22 de xaneiro
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado abre hoxe o prazo para solicitar a participación no proceso selectivo da segunda convocatoria para as bolsas Leonardo da Vinci, dentro do proxecto autonómico MoGal (Mobilidade Galega). O período para a solicitude de participación está aberto ata o 22 de xaneiro.O proxecto MoGal, que se leva a cabo durante a totalidade de 2011 en catro convocatorias, permitirá que un total de 187 mozos e mozas galegos realicen prácticas laborais en empresas de Italia, Francia, Irlanda e Holanda.
O obxectivo do programa Leonardo é facilitar a integración dos participantes dentro do mercado laboral europeo, mediante a oferta de estadías formativas en empresas e organizacións de 12 semanas de duración.
Poden participar mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade que teñan realizado estudos universitarios ou de Formación Profesional relacionados cos sectores do moble e madeira, restauración, turismo, imaxe, informática, deseño, electricidade ou mecánica.
Con esta iniciativa preténdese que os participantes cheguen a conseguir coñecementos e competencias útiles para o seu desenvolvemento profesional, ao tempo que se adquire unha mellor competencia lingüística no idioma do país de destino.
Nesta segunda convocatoria ofértanse un total de 48 bolsas, 4 para empresas de Holanda,11 para Irlanda,15 para Francia,10 para Italia e 8 para República Checa.
O período de estancia será de 12 semanas, desde finais de abril ata mediados de xullo. As bolsas cobren gastos de aloxamento, curso de preparación lingüística, seguro de responsabilidade civil, viaxe a custo real ata un máximo de 200 euros e parte da manutención.
Deben enviarse os documentos debidamente cumprimentados (fai clik para abrir cada un deles): o Currículo no modelo europeo oficial cuberto no idioma do país de destino que se solicita en primeiro lugar e a solicitude debidamente cumprimentada. Non se admiten escritos manualmente.
Para atopar máis información sobre as características do programa pódese consultar a dirección http://xuventude.xunta.es/programas-eu.html ou no tfno 881 999 567
A Deputación emite un informe no que avisa de importantes desaxustes económicos no concello de Melide
- Considera que a operación de endebedamento levada a cabo polo goberno local “non é satisfactoria”, xa que o concello segue mantendo un déficit importante
- Ánxeles Vázquez insta a Cea a que deixe de oculta-la verdadeira situación e leve a cabo a auditoría económica
A voceira do Partido Popular de Melide, Ánxeles Vázquez, acusa á actual rexedora de maquilla-las contas e de oculta-la verdadeira situación económica na que se atopa o concello a día de hoxe. Neste senso, a representante popular informa de que, tras ter acceso ó informe económico – financeiro realizado pola Deputación Provincial e no cal se explica a evolución económica do concello dende o ano 2006 ata o 2009, a débeda que o concello ten coas entidades bancarias incrementouse, neste período, un 100%, pasando de 1,2 millóns de euros a 2,4 millóns; multiplicándose, ademais, as facturas sen recoñecer por catro, pasando de 489.708 euros no ano 2006 a 1.611.065 euros no 2009. “Un informe co que a Deputación lle dá un toque de atención o goberno local e cualifica a súa xestión de suspenso rotundo”, destaca Vázquez. Asemade, a Deputación considera que a operación de endebedamento levada a cabo polo goberno local “non é satisfactoria”, xa que o concello segue mantendo un déficit importante. 
miércoles, 22 de diciembre de 2010
O PP critica que Cea non convidara a ningún representante da Xunta á inauguración da pista polideportiva financiada nun 90% pola Secretaría Xeral para
A representante popular asegura que Cea evita continuamente dar información sobre as inversións da Xunta de Galicia en Melide
O PP de Melide ven de mostrar a súa desconformidade pola política errónea levada a cabo pola alcaldesa nacionalista. A representante popular considera de mal gusto que se inaugure unha pista polideportiva financiada nun 90% pola Xunta de Galicia e que Cea evite nomear a Xunta e prescinda de convidar a ningún representante cando non ocorre o mesmo con outras administracións.
Dende o PP lembran que o Concello de Melide recibiu para a pista situada ó carón do IES un total de 46.179, 96 € no 2009 ó que hai que engadir 6.658,66 € para un parque biosaludable neste ano e a pesares de todo esto na placa de inauguración evitaron facer referencia á Xunta de Galicia a pesar de estar estipulado na convocatoria e no discurso de Cea de inauguración en ningún momento se deron a coñecer estes datos.
Ánxeles Vázquez non dubida en cualificar a actitude de Cea de pobreza política xa que o que tería que facer é ser transparente e facer unha política enriquecedora co fin de conseguir o máximo para os melidenses e deixar atrás as ideoloxías.
