viernes, 4 de febrero de 2011

Vázquez úrxelle a Cea que responda ás preguntas escritas do pleno de novembro

Melide, 4 de febreiro de 2011. A voceira do Partido Popular de Melide, Ánxeles Vázquez, insta a Cea a que cumpra coas súas obrigas e non demore máis a contestación das preguntas escritas formuladas no pleno do pasado mes de novembro de 2010. Naquel momento, tal e como denuncia a representante popular, “a actual rexedora escudárase no Artigo 97 da ROF para non contestar, argumentando que o Partido Popular non presentara as preguntas con 24 horas de antelación. Pero agora, transcorridos máis de dous meses e más de 1.500 horas, a culpa é do Interventor que non llas facilitou”.

Neste senso, Vázquez pídelle a Cea que deixe de mentir e de utilizar ós funcionarios e recordoulle que son estes os que obedecen ordes da alcaldía e que cada día pon a súa profesionalidade en entredito intentando ocultar a súa política opaca e sen rigor. Para Vázquez, os argumentos de Cea non son máis que desculpas que pon co fin de tapa-la súa incompetencia e desidia por desempeña-lo seu traballo.

A representante popular recorda que algunha das preguntas presentadas versaban sobre os descontos feitos ós concelleiros do BNG os días que fixeron folga ou a cantidade destinada polo Concello a publicidade e relacións públicas. “Un total de 14 preguntas que a Cea parece que non lle interesa responder por escrito”, destaca. Vázquez asegura que esto non é a primeira vez que ocorre e agarda que Cea nun exercicio de responsabilidade e de ética política responda de xeito inmediato estas preguntas.

O PP denuncia que o goberno local incumpre a Lei de Morosidade e o Decreto 5/2009 de medidas extraordinarias e urxentes

• A voceira popular asegurou en pleno que o debate económico coa alcaldesa é tempo perdido e o único válido son os informes dos técnicos, tanto da intervención municipal como dos da Deputación Provincial

Melide, 2 de febreiro de 2011. A voceira do Partido Popular de Melide, Ánxeles Vázquez, no Pleno celebrado no día de hoxe, instou a Cea a que deixe maquilla-la súa nefasta xestión económica á fronte de concello e de botarlle a culpa ó PP en lugar de xestionar correctamente no ámbito en que informan os técnicos. Vázquez considera inadmisible a actitude da actual rexedora ó non acatar o que din os informes e intentar, ademais, desvirtualos en todo momento. A voceira popular denuncia que o goberno local incumpre a Lei de Morosidade e o Decreto 5/2009 de medidas extraordinarias e urxentes.

Neste senso, a representante popular pon como exemplo o informe que trasladou, fai hai 3 meses, Intervención e sobre o que Cea asegurou que era obsoleto e non obedecía á realidade. “Transcorridos estes tres meses, a situación é a seguinte: contabilízanse preto de 1.000 facturas sen recoñecer por un montante de 937.690,04 euros, ás que hai que engadirlle 202 facturas máis, recoñecidas pero pendentes de pago, por un importe de 47.909,48 euros”, informa Vázquez. Dende o PP lembran que as facturas dadas a coñecer por Intervención son aquelas que levan máis de tres meses anotadas no rexistro de facturas e que, con data 14 de xaneiro, non se tramitaron, polo que a débeda en facturas pendentes de pago é moito maior ó non estar incluídas as de outubro, novembro e decembro de 2010.

Nesta mesma liña, Ánxeles Vázquez recordoulle a Cea o informe dos servicios económicos da Deputación Provincial, feito público hai escasos días, no que se pode comprobar que “o Bipartito Local multiplicou por catro as facturas sen recoñecer pasando dos 489.708 euros no 2006 a 1,6 millóns de euros no 2009”. Do mesmo xeito e tal e como pon de manifesto a voceira popular a débeda bancaria duplicouse, pasando de 1,2 millóns de euros no ano 2006 ós 2,4 millóns, no 2009. Para os populares, Cea debería tomar medidas de inmediato e afronta-la situación actual con fin de remonta-la difícil conxuntura de endebedamento.

Os populares lamentan a falta de transparencia e o obstruccionismo da actual rexedora que, unha vez máis, non quixo debater o informe remitido polo ente provincial que pon de manifesto “a verdadeira realidade económica do concello e que tira pola bordas as continuas farsas e mentiras de Cea”.