sábado, 7 de agosto de 2010

O PP de Melide acusa a Cea de leva-lo Concello á bancarrota, ó ter unha débeda de 5 millóns de euros

  • Lamenta a pésima situación económica do Concello de Melide, despois de ser presentada a conta xeral do ano 2009 da cal se desprende que a débeda chega ós 5 millóns de €
  • A representante popular afirma que a débeda a longo prazo se incrementou en 2 anos un 100%, alcanzando os 2,5 millóns de euros
  • Vázquez esíxelle ó equipo de goberno sentido común, co fin de facer fronte á actual situación de crise

A representante popular lamenta que Cea non quixera entrar no debate da Conta Xeral, intentando que este trámite pasara desapercibido

A Voceira do Partido Popular de Melide, Ánxeles Vázquez, denuncia a crítica situación económica na que está sumido o Concello, debido á pésima xestión dos tres últimos anos de goberno bipartito, alcanzando unha débeda de 5 millóns de euros, tal e como se desprende da Conta Xeral de 2009 presentada en pleno esta mesma semana. Neste senso, a representante destaca que “o tempo volve a dá-la razón ó PP, xa que as súas reiteradas denuncias sobre o estado lamentable das contas do Concello e da nefasta xestión da actual rexedora coinciden cos datos que se deron a coñece-lo pasado xoves”.

Dende o Grupo Popular afirman que a débeda a longo prazo se incrementou un 100%, pasando a 2,5 millóns de euros e que o Concello está hipotecado de cara o futuro, o cal vai supoñer que a partir deste ano a situación de Melide vai ser crítica para afrontar o pago dos préstamos bancarios, préstamos que nalgún dos casos se destinaron a paga-las nóminas ou as facturas da luz e teléfono, o que suporá, tal e como indica Vázquez, que “os melidenses dentro de 6 anos estarán pagando nóminas de empregados do ano 2009”.

A voceira popular fai fincapé no importe en facturas sen recoñecer, dato que se desprende do informe de intervención e que ascende a máis de 1,6 millón de euros, así como as obrigas pendentes de pago que ascenden a 1,5 millóns. Vázquez lamenta que o actual goberno local se dedique, en lugar de facer fronte a situación, a maquilla-lo número real de facturas e a non recoñecelas, co único fin de que os resultados sexan positivos de portas para fóra do Concello. Do mesmo xeito, a representante popular denuncia a falta de transparencia e a actitude escurantista de Cea, xa que en dito pleno municipal, non quixo defende-la Conta Xeral, con fin de que pasara desapercibida.

Por todo isto, os populares instan a Cea a que camiñe pola senda do sentido común, “porque de seguir levando a cabo a mesma xestión nefasta, o Concello non terá nin para paga-las nóminas dos seus empregados”, sentencia Vázquez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario