lunes, 11 de octubre de 2010

Máis prazas e máis destinos na segunda fase do programa de intercambios A Xuventude no Mundo

O éxito inmediato que tivo entre a mocidade o programa de mobilidade “A Xuventude no Mundo”, fixo que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado decidise organizar unha segunda fase este mesmo ano, para así incrementar os destinos e as prazas dos intercambios xuvenil.

Deste xeito, establecéronse lazos de colaboración coas administracións doutros cinco países ou cidades, en concreto San Petersburgo, Moldavia, Ucraína, Italia e Hungría. Ademais, a colectividade galega en Arxentina tamén participará para facilitar a organización doutro intercambio en Bos Aires.

Esta segunda fase de intercambios vaise poñer en marcha nos vindeiros meses. A través da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, mozos e mozas galegos poderán visitar eses destinos en grupos de entre doce e quince persoas. Durante 2011 a xuventude dos demais países visitará Galicia.

Os obxectivos desta iniciativa son facilitar e potenciar a participación, o desenrolo persoal e a autonomía dos mozos. Ademais, esta proposta permite unha aprendizaxe e cooperación entre a xuventude de diferente países e o coñecemento e ampliación doutras linguas e culturas, así como eliminar prexuízos, potenciar a solidariedade, o voluntariado e a tolerancia, así como a comprensión da diversidade sociocultural.

Esta ampliación do programa “A Xuventude no Mundo” foi un dos principais logros do “Seminario de responsables de políticas nacionais, rexionais e locais de Xuventude”, que hai quince días se celebrou en Santiago, coa participación de representantes de España e doutros dez países europeos (Rusia, Ucraína, Moldavia, Armenia, Grecia, Italia, Bulgaria, Portugal, Romanía e Hungría).

As datas dos intercambios e o inicio do período de inscrición para cada viaxe pódese consultar no folleto en PDF que se descarga ao final desta noticia.

A primeira fase do programa “A Xuventude no Mundo” rematará este mes, coa viaxe de dous grupos de mozos e mozas galegos a Bulgaria e a Francia.

En Bulgaria o grupo galego viaxará entre o 9 e o 16 de outubro e será recibido pola Asociación “Evrosdrujenie Tarnograd” da cidade de Veliko Tarnovo. O obxectivo deste intercambio é observar a riqueza que supón para a Unión Europea a convivencia entre culturas tan dispares como a búlgara e a galega.

En Francia os mozos e mozas galegos participarán nun intercambio que tratarán medidas que se poden poñer en marcha para loitar contra todo tipo de discriminación xuvenil. Os socios deste intercambio, que se celebrará nas cidades de Paría e Evry entre o 10 e o 17 de outubro, serán os integrantes da Asociación Vila Nova.

A primeira fase do programa “A Xuventude no Mundo” ofreceu a posibilidade de que máis de 120 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos participasen en intercambios coa mocidade de sete países europeos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario