viernes, 28 de enero de 2011

Noticias sobre a depuradora

O PP informa de que a policía xudicial fixo en Melide as investigacións derivadas da denuncia interposta sobre a depuradora do polígono industrial

A Policía Xudicial remitiu un informe ó xulgado no que se especifica que “non se observa ningún tipo de obras nin de movementos de terras”
• Vázquez dá a coñecer que os membros da Xunta de Goberno Local deberán declarar como imputados por certificar unha depuradora que nunca se chegou a comezar
• A representante popular insta á actual alcaldesa a que dea a cara e asuma tódalas irregularidades cometidas na EDAR

Melide, 20 de xaneiro de 2011. A voceira do Partido Popular de Melide, Ánxeles Vázquez, acompañada polo letrado Esteban Rico, que se ocupa do caso da depuradora do polígono industrial de A Madanela, informou dos pasos que por parte da xustiza se están levando a cabo despois da querela interposta en maio de 2010, tras coñecerse que Socorro Cea, por decreto e posteriormente na xunta de Goberno Local, certificara a finalización da depuradora por un de 437.000 euros sen que as obras se comezaran.

A representante popular informou de que a Policía Xudicial xa fixo as súas investigacións mediante reportaxe fotográfica e comprobación sobre o terreo, incluíndo nun informe remitido ó xulgado que “non se observa ningún tipo de obras nin de movementos de terras, así coma tampouco a existencia de ningún cartel”. Vázquez informa ademais de que os membros da xunta de Goberno Local deberán declarar en calidade de imputados, á vista de todo o actuado no procedemento. Os populares lamentan que, a pesares de ter interposta a denuncia, no informe de intervención, dado a coñecer no mes de decembro de 2010, é dicir, oito meses despois de ter interposta a querela; constaban 1.154 facturas sen recoñecer figuraban unha serie de facturas aprobadas e con orde de pago das obras da depuradora, que a día de hoxe nin sequera está comezada.

Por todo iso e tal e como subliñou Vázquez, o equipo de goberno e en concreto a actual rexedora, Socorro Cea, terá que dar explicacións de inmediato de todo o acontecido. “Xa non queda dúbida de que Cea é a actriz protagonista das irregularidades cometidas na EDAR de Madanela”, insistiu. Por iso, ínstaa a que dea a cara dunha vez por todas, deixe de mentir ós melidenses e “asuma a culpa e a responsabilidade de tódalas chapuzas que se cometeron coa depuradora”.


CRONOLOXÍA DOS FEITOS
Tal e como recordaron, o 27 de maio do ano pasado (2010) tivo entrada no rexistro do Xulgado de Arzúa unha querela contra cinco integrantes da Xunta de Goberno Local de Melide coa alcaldesa á cabeza, que posteriormente foi admitida a trámite. “Os presuntos delictos que foron postos en coñecemento da Xustiza son un delicto de prevaricación, un delicto de fraude á administración autonómica, e un delicto de falsificación de certificado”, explicou o letrado.

Na propia querela solicitábanse unha serie de dilixencias de investigación que foron levadas a cabo polo Xulgado de Instrucción. “Creemos no principio constitucional de presunción de inocencia, así coma nas garantías procesuais, por iso sempre falaremos en termos de presunción e indicios de delicto, porque, como é evidente, non hai delicto sen condena por sentencia firme”, engadiu.

A voceira popular aproveitou para facer unha cronoloxía dos feitos acontecidos ata o momento, co fin de por en evidencia a absoluta responsabilidade de Cea en todo o sucedido:

• No ano 2007, o Concello de Melide asina un Convenio de colaboración co IGVS (Instituto Galego de Vivenda e Solo) e a Consellería de Innovación e Industria para a “Mellora do subministro eléctrico e instalación dunha depuradora modular no parque empresarial de Melide”.
• Ó aveiro do devandito convenio, o Concello recibe unha subvención pública para a citada obra, que finalmente ten que reintegrar no ano 2009 ante a imposibilidade da execución das obras.
• No ano 2008, o Concello asina outro Convenio coa Consellería de Innovación e Industria para o “Proxecto de Instalación dunha Estación Depuradora compacta no parque industrial da Madanela”
• Procédese a dar cumprimento á tramitación administrativa correspondente para a adxudicación da obra, sendo finalmente concedida á UTE MACRAUT-ALDASA.
• A fin de cumprir cos termos asinados no convenio, o Concello, a través da actual alcaldesa, certifica a obra relativa á depuradora, figurando como colocados, instalados ou mesmo funcionando, a práctica totalidade dos elementos descritos.
• A UTE MACRAUT-ALDASA emite unha factura en decembro de 2009 na que se describe como “Obras realizadas por UTE EDAR Melide. Certificación Nº1 obra depuradora ampliación Polígono Melide” por importe de 437.354,41 euros.
• Intervención Municipal emite informe de reparo con efectos suspensivos para a aprobación da certificación do EDAR e a Factura “debido a que se omiten requisitos e trámites esenciais”.
• Decreto da Alcaldía. Levantamento do reparo e aprobación da certificación e a factura.
• Certificación por Secretaría do Concello da sesión celebrada a 30 decembro de 2009 pola Xunta de Goberno Local, na que se ratifica o Decreto de levantamento do reparo de intervención e se aproban a certificación e factura do EDAR por unanimidade dos cinco membros asistentes.
• En agosto de 2010, a Garda Civil, en funcións de Policía Xudicial, cumpre cun oficio encargado polo xulgado de Instrucción e realiza a reportaxe fotográfica da parcela destinada á EDAR, concluíndo que non se observa ningún tipo de obras nin de movementos de terras, así como tampouco a existencia de ningún cartel.
• Solicitada a declaración en calidade de imputados dos membros da Xunta de Goberno Local.

No hay comentarios:

Publicar un comentario