lunes, 27 de septiembre de 2010

Preto de 200 xóvenes poderán inscribirse a partir do 4 de outubro para realizar prácticas laborais noutros países europeos



  • O programa Mogal, xestionado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, permitirá aos participantes traballar en empresas de Italia, Francia, Irlanda e Holanda entre novembro deste ano e decembro de 2011.

  • Este proxecto é unha das iniciativas que se están a abordar no marco do “Seminario de responsables de políticas nacionais, rexionais e locais de Xuventude” que se está a desenvolver na capital galega

  • No congreso, que comezou onte, participarán ata mañá representantes de España, Rusia, Ucraína, Moldavia, Armenia, Grecia, Italia, Bulgaria, Portugal, Romanía e Hungría.


Preto de 200 mozos e mozas galegas poderán inscribirse, a partir do próximo 4 de outubro, no programa “Mogal”, unha iniciativa que lles permitirá realizar prácticas laborais en empresas de Italia, Francia, Irlanda e Holanda entre novembro de 2010 e decembro de 2011.
De feito, este programa, que xestiona a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude, é un dos proxectos que se está a abordar no marco do “Seminario de responsables de políticas, nacionais, rexionais e locais de Xuventude”, que comezou onte en Santiago de Compostela e que se prolongará ata este domingo.
Neste congreso están a participar representantes de España e doutros dez países europeos: Rusia, Ucraína, Moldavia, Armenia, Grecia, Italia, Bulgaria, Portugal, Romanía e Hungría. O seu obxectivo é ser un foro para o intercambio de coñecementos e experiencias que en materia de xuventude están a poñer en marcha os distintos membros da Unión Europea e dos países europeos non asociados.
Por iso, a Xunta fixo especial fincapé nos seus programas de mobilidade, entre o que destaca o Mogal, que este ano duplica as súas prazas, xa que o ano pasado participaron no mesmo un centenar de mozos e mozas. Neste exercicio, o proxecto conta cun investimento de máis de 500.000 euros que achega a Unión Europea e o propio Goberno galego.
A Dirección Xeral de Xuventude presentou tamén o programa “Xuventude no mundo”, que se puxo en marcha por primeira vez este ano, e que está permitindo, xa actualmente, que 120 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos teñan a oportunidades de participar en intercambios xuvenís coa mocidade en sete países europeos.
O seminario, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, ten como un dos seus obxectivos prioritarios conseguir unha ampliación do número de países socios que participen nos seus programas de mobilidade.
De feito, os traballos están avanzando a bo ritmo dentro deste seminario, no que se acordou que, nos vindeiros meses, mozos e mozas galegas poderán visitar os seguintes países ou cidades: San Petersburgo, Moldavia, Ucraína, Italia ou Hungría. En cada intercambio –proxectos propios da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado- participarán entre 10 e 12 persoas. Pola súa banda, a mocidade destes países visitaría Galicia durante o próximo ano.
Este esforzo por ampliar as posibilidades dos intercambios entre a mocidade inscríbese na aposta da Xunta de Galicia pola mobilidade xuvenil, un compromiso que se reflicte na Estratexia Xuventude 2010-2013, que recolle este punto como un eixo estratéxico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario