viernes, 23 de julio de 2010

O tráiler da música chega as vilas galegas

Os novos creadores e grupos noveis galegos poderán tocar en directo no ‘tráiler da música’, un escenario móbil que se desprazará polas vilas galegas grazas a unha iniciativa posta en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. De feito, a través deste programa piloto, seis grupos da zona de Ribeira e Baiona ofrecerán concertos os próximos 12 e 13 de agosto.
Así o adiantou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, que presentou o programa “xuventudémúsica”, que se ocupará de canalizar as accións para a promoción da creatividade musical dos mozos mozas galegas. O acto contou con música en directo do grupo Jane Joyd.
Esta iniciativa naceu do Encontro de Música Xove 2010, que se celebrou en marzo e no que participaron máis dun cento de grupos de toda Galicia. Neste encontro, foron seleccionadas 10 bandas, coas que Xuventude editou 20.000 copias dun CD que será repartido de xeito gratuíto nos principais concertos e festivais de verán.
Así, esta compilación musical será repartida, entre outras datas, o 16 de xullo no festival Cultura Quente, de Caldas de Reis; o 24 de xullo, nas festas do Apóstolo de Santiago de Compostela; o 2 de agosto no Albariño, de Cambados; o 8 de agosto nas festas da Peregrina, en Pontevedra; e nos concertos de Ribeira e Gondomar.
Ademais da produción deste CD, o Encontro de Música Xove permitiu concluír que era preciso crear novas liñas de promoción da música en directo, un punto que os grupos noveis consideran esencial. Foi por isto que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado decidiu poñer en marcha este verán un programa piloto para levar a música dos novos creadores ás cidades e vilas galegas.
Deste xeito, este verán, un escenario móbil –movido por un tráiler e con equipo de luces e son profesionais- permitirá a seis grupos da zona de Ribeira e Gondomar dar dous concertos, con motivo do Día Internacional de Xuventude, o 12 de agosto. Así, ese mesmo días tres grupos da zona de Ribeira actuarán neste escenario, mentres que en Gondomar actuarán outras tres bandas ao día seguinte.
O obxectivo é que este programa piloto se consolide de cara ao próximo ano, de modo que se poida establecer un circuíto de concertos en colaboración cos concellos e coas asociacións xuvenís.
Nesta mesma liña, os gañadores da especialidade de música do certame Xuventude Crea 2010 –as bases foron publicadas o 15 de xullo- terán a posibilidade de, ademais de obter o premio en metálico, de celebrar tres concertos en directo.
Rodeiro avanzou tamén que a localidade do Porriño acollerá en outubro un novo Encontro de Música Xove, no que participarán grupos de Galicia e do Norte de Portugal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario